mutua gallega

  |
Inicio

 

 

 

 

 

 
 
   
 
 
 
 
 
 
 
  Nova prestación económica para o coidado de menores afectados polo cancro o outra enfermidade grave
 


Entra en vigor o Real Decreto que regula a súa aplicación e desenvolvemento

O 1 de agosto entrou en vigor o Real Decreto 1148/2011, do 29 de xullo, para a aplicación e desenvolvemento, en todos os réximes do sistema da Seguridade Social, da prestación económica para o coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave. Así, poderán beneficiarse da protección social a través desta prestación os proxenitores biolóxicos, adoptantes ou acolledores que reduzan a súa xornada de traballo en, polo menos, o 50% para o coidado do menor ao seu cargo, afectado por cancro ou outra enfermidade grave sempre que traballen os dous, estean afiliados e de alta nalgún réxime da Seguridade Social e acrediten os períodos mínimos de cotización esixibles en cada caso. Cando ambos os dous teñan dereito á prestación, soamente se lle poderá recoñecer a un deles.

O Real Decreto establece, en anexo, unha listaxe de 108 enfermidades consideradas graves para os efectos do recoñecemento da prestación. O Ministerio de Traballo e Inmigración poderá actualizar esta listaxe mediante Orde Ministerial.

Este subsidio ten por obxecto compensar a perda de ingresos que sofren os traballadores ao ter que reducir a súa xornada -coa conseguinte diminución do salario- pola necesidade de coidar de maneira directa, continua e permanente os fillos ou menores ao seu cargo, durante o tempo de hospitalización e tratamento continuado da enfermidade.

A xestión e o pagamento corresponderán á Mutua de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais ou á entidade xestora coa que o traballador teña cubertas as continxencias profesionais. Non obstante, cando a persoa traballadora non teña a cobertura dos riscos profesionais, será competente para a xestión da prestación a mutua ou entidade xestora que asuma a cobertura por incapacidade temporal por continxencias comúns. Se vostede é un traballador protexido por Mutua Gallega e se atopa na situación descrita anteriormente, pode solicitar nesta entidade a dita prestación. A continuación ten á súa disposición os Formularios de Solicitude:

A prestación económica, que dará cobertura só a un dos proxenitores, consistirá nun subsidio, de remuneración diaria, equivalente ao 100 por 100 da base reguladora establecida para a prestación por incapacidade temporal derivada de continxencias profesionais ou, se é o caso, a derivada de continxencias comúns, cando non se optase pola cobertura das continxencias profesionais. O subsidio calcularase en proporción á porcentaxe en que se reduza a xornada laboral realizada, que deberá ser polo menos dun 50% da súa duración.

Os requisitos para o acceso á nova prestación por coidado de fillos afectados de cancro ou doutra enfermidade grave son os mesmos que para a prestación económica por maternidade contributiva: estar afiliado e de alta nalgún réxime do sistema da Seguridade Social e ter cuberto o período de cotización mínimo requirido. A prestación extinguirase cando cese a necesidade de coidado directo, continuo e permanente do menor ou cando este cumpra 18 anos.

A Lei Xeral da Seguridade Social e o Estatuto dos Traballadores establecen os principios polos que se ha de recoñecer esta nova prestación da Seguridade Social que, aínda que entrou en vigor o pasado 1 de xaneiro coa Lei de Orzamentos Xerais do Estado, precisou da aprobación dun Regulamento para determinar o concepto de enfermidade grave, entre outras cuestións. O pasado mes de marzo, a Seguridade Social fixou unhas instrucións provisionais para posibilitar que os proxenitores con fillos menores afectados por cancro puidesen recibir a prestación, debido a que as enfermidades do cancro están recoñecidas de xeito indubidable na Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2011, que creou a nova prestación. Esta era unha solución temporal, mentres se aprobaba este Decreto, que permite que a prestación poida ser solicitada polos pais con fillos que padecen outras enfermidades graves incluídas na listaxe de 108 enfermidades.

Este Real Decreto non será de aplicación ao persoal funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto Básico do Empregado Público, que se rexerá, para estes efectos, polo previsto na normativa específica da dita Lei, así como polo resto de normas de Función Pública que se diten para o seu desenvolvemento. Non obstante, a Lei de Actualización, Adecuación e Modernización do Sistema de Seguridade Social establece na súa disposición derradeira segunda unha modificación do Estatuto Básico do Empregado Público (artigo 49, letra e) que garanta aos pais funcionarios que se atopen nesta circunstancia a posibilidade de reducir a súa xornada sen diminución das súas retribucións e nas mesmas condicións que o resto dos traballadores.
Para máis información pode consultar a páxina da Seguridade Social.

Usuarios registrados
Contacta con nosotros
Declaración Electrónica de Trabajadores Accidentados
mutua gallega 2010. Todos os dereitos reservados.