O Sector de Mutuas de Accidentes de Traballo asina unha Declaración que ratifica a vontade sectorial de abordar con seriedade, contundencia e transparencia, as medidas necesarias para a resolución de conflitos nas súas actuacións.
Con esta medida todo o Sector pón de manifesto a súa vontade para colaborar coa Administración na elaboración dun novo marco normativo que permita que as actuacións entre Mutuas transcorran dentro dun ámbiro que contemple mecanismos axeitados e transparentes.
Todas as Mutuas, co apoio da Secretaría de Estado da Seguridade Social, subscribiron este compromiso público nun marco de rigor e Transparencia.
5 de setembro de 2006.- Todas as Mutuas de Accidentes de Traballo ratificaron hoxe, en presenza da Secretaría de Estado da Seguridade Social e a iniciativa da Asociación de Mutuas de Accidentes de Traballo, AMAT, unha Declaración Sectorial que senta as bases para que a Administración elabore, en colaboración co Sector das Mutuas, un novo marco normativo que permita que as actuacións entre Mutuas transcorran dentro dun ámbito que contemple mecanismos axeitados e transparentes, así como para a posta en marcha dun Código de Boas Prácticas do Sector.
Con esta Declaración Sectorial, as 26 Mutuas de Accidentes de Traballo (Asepeyo, Mutua Balear, Cesma, Mutua Egara, Fimac, Fraternidad-Muprespa, Fremap, Mutua Gallega, Ibermutuamur, Mutua Intercomarcal, MAC, MATT, MAZ, MC Mutual, Mutua Montañesa, MUPA, Mutualia, Muvale, Mutua Navarra, La Previsora, Reddis Unión Mutual, SAT, Solimat, UMI, Unión de Mutuas y Mutua Universal) comprométense a crear un Sistema interno de autorregulación, que corrixa e elimine as posibles prácticas non acordes coa función social que teñen que cumprir e que permita unha actuación máis axeitada entre as Mutuas.
Algúns puntos que cómpre destacar do Acordo son:
1º Axustar a súa actuación con este compromiso de integridade e transparencia, buscando como finalidade última o maior beneficio dos traballadores, dos empresarios e da propia Seguridade Social, velando sempre pola calidade dos servizos cuxa xestión ten atribuída e procurando a mellor asistencia posible.
2º Colaborar coa Administración para a pronta elaboración de normas que fagan posible o establecemento dun marco legal no que se articule a actuación entre as Mutuas mediante mecanismos e instrumentos transparentes.
3º A posta en marcha dun Sistema Interno de autorregulación, antecesor do Código de Boas Prácticas, que se rexa polos principios de independencia, imparcialidade, transparencia, contradición, eficacia e equidade, para a resolución dos posibles conflitos internos que se presenten.
4º A revisión periódica de todas estas accións. Con este compromiso sectorial das Mutuas de Accidentes de Traballo, que se suman ás iniciativas levadas a cabo por outras organizacións, preténdese conseguir que a Sociedade no seu conxunto teña unha percepción clara da súa gran utilidade social, así como mellorar o nivel de coñecemento que as empresas e os traballadores teñen do Sector e conseguir que tanto uns coma outros se identifiquen coas Mutuas e cos beneficios sociais que poden obter da súa forma de colaboración.
AMAT