mutua gallega

  |
Inicio

 

 

 

 

 

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

As Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais.

As Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social son asociacións de empresarios que, debidamente autorizadas polo Ministerio de Traballo e Asuntos Socias e con tal denominación, se constitúen co obxecto de colaborar, baixo a dirección e tutela do dito Ministerio, na xestión das continxencias de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais do persoal ao seu servizo, sen ánimo de lucro e coa responsabilidade mancomunada dos seus membros.

Poderán así mesmo asumir a cobertura da prestación económica por incapacidade temporal derivada de Continxencias Comúns (enfermidade común e accidente non laboral) do persoal ao servizo dos empresarios asociados, así como do subsidio por incapacidade temporal e a prestación pola cesación de actividade do Réxime Especial de Traballadores por Conta Propia ou Autónomos e dos traballadores por conta propia incluídos no Réxime Especial Agrario da Seguridade Social (hoxe incorporados no RETA.), a prestación económica por risco durante o embarazo e lactación natural para os traballadores afiliados tanto do Réxime Xeral como do Réxime Especial de Traballadores por Conta Propia ou Autónomos, e a prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave.

Algunhas das súas características fundamentais son:

  • Non teñen ánimo de lucro. Se como resulta da xestión que realiza unha Mutua, tras a rendición de contas se obtén un aforro da xestión (os ingresos son maiores que os gastos soportados), a diferenza ingrésase nunha conta bancaria cuxo titular é a Seguridade Social previa dotación das reservas regulamentarias ata o seu tope máximo. Este superávit de ingresos denomínase aforro e non beneficios, como se denominan nunha compañía privada.
  • A asociación das empresas, públicas ou privadas, é voluntaria. A empresa pode elixir libremente a que Mutua asociarse ou mesmo, se quere, que estas continxencias sexan cubertas pola propia Seguridade Social.
  • Están tuteladas polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais. Requiren da súa autorización para constituírse. A súa administración económica depende dos Orzamentos Xerais do Estado e as súas contas son auditadas anualmente polo citado Ministerio.   

Historia de mutua gallega

mutua gallega de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social nº201,  é unha asociación voluntaria de empresas con personalidade xurídica propia que, sen ánimo de lucro, se constitúe legalmente coa responsabilidade mancomunada das empresas asociadas, como colaboradora da Seguridade Social, centrando a súa actividade en:

  • A xestión dos riscos dos accidentes de traballo e enfermidades profesionais.
  • A prestación económica de incapacidade temporal derivada das enfermidades comúns e accidentes laborais.
  • As actividades do Servizo de Prevención Alleo que a entidade concerte a través de mugatra Sociedad de Prevención, S.L.U.

mutua gallega inicia a súa actividade en 1958 coa denominación de Mutualidad Gallega de Accidentes del Trabajo en las industrias de la Construcción, Vidrio, Cerámica y otros Gremios. En 1986 absorbe a Mutua Patronal Coruñesa nº 257, nada en 1969 e en 1993 a Mutualidad Naviera nº 18, nada en 1920

A partir de 1994 adoptará a denominación de mutua gallega, Mutua de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Social nº 201.

En 1996, ademais da xestión dos accidentes de traballo e enfermidades profesionais, comezou a cubrir a prestación económica por incapacidade laboral, o que supuxo un fito importante nas prestacións ofrecidas aos seus mutualistas.

No ano 1997 incorpórase, á tradicional actuación preventiva de mutua gallega, o seu labor como Servizo de Prevención Alleo, ata o ano 2006 en que se constitúe a sociedade mercantil mugatra, Sociedad de Prevención, S.L.U. (cuxo socio único é o patrimonio histórico de mutua gallega) que pasa a prestar este servizo.


www.mugatra.es


O 13 de marzo de 2008 mutua gallega intégrase en Corporación mutua, Entidade Mancomunada de Mutuas de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais da Seguridade Sociall.

Corporación mutua é o resultado da agrupación de oito mutuas (CESMA, Mutua de Ceuta-Smat; IBERMUTUAMUR; MAC, Mutua de Accidentes de Canarias; MC MUTUAL; MUTUA GALLEGA, MUTUALIA, SOLIMAT E UNIÓN DE MUTUAS) que, mantendo a súa identidade e personalidade xurídica, persegue mediante a cooperación das entidades partícipes, a racionalización de recursos e consecución de economías de escala, así como a implantación dun modelo común de xestión baseado na calidade total que fortaleza os criterios de solvencia, eficiencia e eficacia, proporcionando unha maior calidade de servizo aos mutualistas e traballadores protexidos.

Corporación mutua recolle a experiencia de máis de cen anos que temos as entidades que formamos esta iniciativa e se configura como unha entidade que se converte no primeiro grupo mutual do país e pon en común e a disposición das súas empresas asociadas e traballadores protexidos medios, recursos e a rede de centros asistenciais, ambulatorios e hospitalarios máis importante do sector.

www.corporacionmutua.com


Neste marco, a nova realidade en que se converte, mutua gallega aposta decididamente por incrementar os recursos e potenciar os servizos para acadar unha maior presenza activa ante as empresas. Todas as nosas actuacións seguirán as pautas do modelo de xestión EFQM, un modelo integral, que recolle os últimos avances en xestión empresarial, e que incorpora valores sociais e humanos máis alá da simple consecución de beneficios e, sobre todo, un óptimo referente para a nosa xestión.

Capital Humano

A cultura da nosa organización está claramente orientada a satisfacer as necesidades dos nosos mutualistas e é por iso que nos esforzamos día a día para dar un servizo excelente. O constante incremento da nosa actividade e a adecuación ás necesidades das nosas empresas asociadas tradúcese na creación de novos postos de traballo, tanto nas áreas asistenciais como de xestión administrativa.

O cadro de persoal de mutua gallega componse dun equipo multidisciplinar de 310 profesionais distribuídos en todas as Comunidades Autónomas coa cualificación profesional precisa para un óptimo desenvolvemento da súa actividade. A Mutua pode presumir de contar con profesionais con iniciativa e eficacia, con capacidade de resolución, así como unha gran habilidade para traballar en equipo.




Órganos de goberno

Persoas de contacto

Memoria


Cifras e estadísticas


 
     
Usuarios registrados
Contacta con nosotros
Declaración Electrónica de Trabajadores Accidentados
mutua gallega 2010. Todos os dereitos reservados.